Thursday 16 de May de 2024

A porcentaxe de produción de enerxía renovable en Galicia é crucial para avanzar na neutralidade climática na comunidade


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta no Parlamento que máis dun 80% da enerxía que se consume en Galicia procede de fontes de enerxía renovables, polo que esta rexión é parte activa da solución ao fenómeno global do cambio climático
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta tarde que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior porcentaxe de produción de enerxía renovable, un aspecto crucial para avanzar na neutralidade climática e na loita contra o cambio climático, é dicir, para lograr un equilibrio entre as emisións que non poden ser reducidas e as absorcións de gases.

A conselleira de Medio Ambiente compareceu no Pleno do Parlamento galego onde destacou que case un 70% da potencia eléctrica instalada en Galicia xa é renovable -moi por riba da media española, situada nun 38%- e que un 86% da enerxía que se consume en Galicia procede de fontes renovables.

Argumentou que -a esta realidade- hai que engadir o feito de que Galicia conta xa cunha folla de ruta propia, a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, para guiar a acción de Goberno e da sociedade na loita contra o cambio climático e facer de Galicia un referente no proceso de cambio cara un modelo económico e de consumo baixo en emisións.

Recordou que este documento foi recentemente aprobado polo Consello da Xunta, xunto co Decreto polo que se crea a Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia, que onte mesmo publicaba o DOG, o que converte a Galicia nunha das poucas rexións do país que ten un programa de actuación definido fronte ao quecemento global e co que acadar unha transición enerxética progresiva, sustentable e segura a longo prazo.

Vázquez Mejuto destacou que Galicia parte con certa vantaxe e con dous aliados importantes, como os bosques galegos, que representan máis da metade do territorio galego e actúan como sumidoiros naturais captando o CO2 da atmosfera; e a propia natureza e orografía privilexiadas, que converten ao territorio galego nun espazo idóneo para apostar por un modelo enerxético baseado nas enerxías limpas e acadar a mellora da eficiencia enerxética en todos os sectores.

Engadiu que converternos o antes posible nunha rexión neutra en emisións de gases efecto invernadoiro é un reto que require do traballo conxunto. Nese sentido, recordou que a Consellería impulsou o Pacto dos Alcaldes, para traballar cos concellos e implicalos na loita contra este fenómeno global e detectar posibles sinerxías entre administracións.

Ademais de impulsar ditos foros de intercambio, a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía recolle unha serie de accións para avanzar en catro ámbitos, como a mitigación das emisións, a adaptación aos seus impactos, a investigación e a innovación, e a dimensión social, onde destacan medidas como a aposta por unhas vivendas eficientes e enerxéticas, por unha depuración eficiente e polo desenvolvemento da estratexia térmica, unha aposta polas enerxías renovables, co fin de acadar unha transición enerxética progresiva, segura e sustentable.

Mapa de Transición Sostible de Galicia
Precisamente en materia enerxética, a conselleira de Medio Ambiente tamén deu conta ante a Cámara dos pasos dados para dotar á comunidade dun Mapa de Transición Sostible. A este respecto, explicou que, nestes momentos, o seu departamento xa está a desenvolver un estudo para toda Galicia para o desenvolvemento desta ferramenta, que servirá para deseñar as accións máis axeitadas para a consecución dese obxectivo global de acadar unha transición enerxética xusta, ordenada e progresiva.

Concretamente, Ángeles Vázquez explicou que un equipo técnico con representación de diferentes departamentos da Consellería de Medio Ambiente están traballando cun grupo da Universidade de Santiago neste Mapa de Transición Sostible de Galicia, co obxectivo de que a próxima primavera se poida contar xa cun primeiro borrador.

Na súa elaboración, segundo explicou a conselleira, estase a empregar o protocolo Nexus-CLEW, identificado como a ferramenta única para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable promovidos polas Nacións Unidas, os chamados ODS, que se enmarcan na Axenda 2030 deseñada, precisamente, como a folla de ruta que permitirá levar a cabo unha transición enerxética sostible a nivel mundial.

Avances na tramitación dos dous ENILES da Coruña
Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente respondeu a unha pregunta parlamentaria sobre a tramitación dos expedientes abertos para a declaración de dous espazos de interese local (ENIL) na cidade da Coruña. Concretamente, Ángeles Vázquez avanzou que no caso das Illas de San Pedro, espazo declarado provisionalmente como ENIL en novembro de 2017, a Consellería está a rematar a articulación do decreto do seu plan de conservación de tal xeito que, antes de que remate o ano, sería susceptible de ser aprobado.

As Illas de San Pedro converteranse así no primeiro ENIL da cidade herculina, tras completar un proceso que foi iniciado a iniciativa do Goberno local coruñés -promotor da declaración e responsable do seu impulso e xestión posterior- e que ao longo destes dous anos de tramitación, lembrou, tivo que superar varios atrancos debido ás carencias detectadas no plan de conservación presentado inicialmente polo concello.

En todo caso, Vázquez Mejuto insistiu en que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural actuou en todo momento con dilixencia, avanzando incluso na fase de consultas previas do documento mentres instaba ao Concello da Coruña a completar o plan de conservación e a remitilo tamén en castelán para poder solicitar o informe preceptivo ante Costas do Estado.

En canto ao outro ENIL en tramitación nesta cidade, o da Torre de Hércules, Ángeles Vázquez lembrou que a solicitude do concello neste caso é bastante máis recente, xa que data de xaneiro do ano pasado. Tras recibir a memoria técnica na Consellería, a responsable autonómica explicou que tamén neste caso foi necesario facerlle varios requirimentos ao organismo promotor para que emendara a documentación presentada inicialmente aínda que adiantou que “nos próximos días” a Torre quedará declarada de maneira provisional como espazo natural de interese local, comprometéndose a seguir traballando para que se aprobe o antes posible e “dentro do prazo establecido”.

“Polo tanto, ambos ENILES están no bo camiño e se no medio desta andaina houbo algún chanzo que retrasou minimamente ese camiño, foi o Concello da Coruña”, declarou a conselleira, quen negou calquera “demora inxustificada” na tramitación de ambos expedientes e subliñou que o seu departamento seguiu “todos os pasos recollidos na lexislación ambiental vixente”.